O Concello de Cervo ofrece alternativas turísticas para todos os gustos e todas as franxas de idade esta Semana Santa.
Un dos principais atractivos naturais do noso municipio son as rutas de sendeirismo, que están coidadas e sinalizadas. Hai rutas que bordean a costa, como poden ser o sendeiro azul, a ribeira de Lieiro, a ruta ornitolóxica, ou a ruta das canteiras; e se hai preferencia por unha zona máis interior, pódese optar pola ría que percorre a beira do río Xunco ata Sargadelos, onde se pode camiñar polo Paseo dos Namorados ata chegar á fervenza ou, se estades interesados nas plantas, coñecer ao detalle a nosa flora a través da Senda Botánica.
Alí atopámonos unha das xoias patrimoniais e turísticas do noso municipio, que é o Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos. Esta localización, declarada Ben de Interese Cultural, cada vez ten máis visitantes ao longo de todo o ano. Ademais, desde a semana pasada conta cunhas audioguías ficcionadas que serven para percorrer a historia da Real Fábrica de Sargadelos desde o seu nacemento no século XVIII.
En canto ás alternativas de ocio, durante esta Semana Santa disporemos de diferentes actuacións musicais. Para o mércores temos a actuación de The Corporation na Praza dos Campos, dentro do ciclo de concertos O Son do Nordeste. O xoves, La Disquetera amenizará o mediodía na Praza do Souto. Ese mesmo día pola noite, Rachel & The Blue Batons tocarán na Praza dos Campos. O venres será a quenda para os Carunchos no mesmo lugar. Xa o domingo pechará a programación musical a Mekanika Rolling Band na Praza do Souto.
No apartado gastronómico, o sábado 16 de abril celébrase a XXVIII Festa do Mexillón en San Ciprián. Os locais hostaleiros ofrecerán as mellores tapas con este molusco como común denominador. Ás 22h haberá verbena a cargo da orquestra Fania Blancho Show e ao remate collerá o relevo a Disco Móvil Chocolate.
Segundo o alcalde, Alfonso Villares, “a oferta turística do noso municipio encaixa á perfección coa demanda actual de turismo slow ou turismo de actividades ao aire libre”.
Apuntou Mali Méndez, concelleira de Medio Ambiente, que “o noso Concello é ideal para a práctica de deportes como o Mountain Bike, surf, running ou para facer rutas de sendeirismo”.
“Ademais, ao longo desta Semana Santa ofrecemos diferentes alternativas de ocio e gastronómicas como os concertos dos ciclos “O Son do Nordeste” e “A Caixa de Música” ou a Festa do Mexillón, o que fai que o noso municipio desfrute de alternativas turísticas para todos os gustos e todas as franxas de idade” engadiu Villares.