A Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará a obra teatral “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico a Sarria, A Pobra do Brollón, Chantada, Ribadeo e Meira durante os meses de marzo e abril. A xira polas comarcas desta obra, artellada en base a textos da propia Rosalía de Castro, forma parte do programa posto en marcha pola área de Cultura o pasado 23 de febreiro, co que puxo a disposición de concellos e asociacións diversas propostas culturais sobre a figura e obra da poeta.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou “o gran interese que concellos e asociacións amosaron por acoller as propostas formuladas desde a área de Cultura arredor de Rosalía e especialmente por esta obra teatral que nos guía pola súa literatura e pensamento, constatando a súa vixencia ” e explicou que “configuramos o calendario procurando que a obra se represente nas distintas comarcas e apoiando a consolidación dunha oferta cultural en galego, baseada en referentes culturais propios, que chegue a todo o público”.
“Libre coma os paxaros”: dramaturxia sobre textos de Rosalía
A base fundamental para a elaboración da posta en escena do espectáculo, dirixido por Xulio Lago, son os propios textos de Rosalía de Castro -poesía, artigos, prosas, lieders- que permiten transitar polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos conflitos e acontecementos presentes na sociedade do seu tempo.
Follas Novas, Cantares Galegos, La Flor, En las orillas del Sar, Las Literatas, A mi madre,
xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e
documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora conforman o conxunto biobibliográfico do que foi extraído o material que configura o espectáculo.
É a propia Rosalía de Castro, interpretada por María Barcala, a que desde o escenario, cos código propios do teatro, establece a comunicación co público, mostrándose como unha muler en loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, contra a violencia de xénero, que denuncia a desigualdade social e os atentados contra o equilibrio ecolóxico ou o drama da emigración. A posta en escena complétase coa iluminación de Antonio Simón e a música de Vadim Yukhnevich.
Calendario
A obra manterase en xira polas comarcas da provincia durante os meses de marzo e abril, co seguinte calendario:
Sarria
Casa da Cultura, venres 11 de marzo, ás 20.00 horas
A Pobra do Brollón
Casa da Cultura Olga Novo, venres 13 de marzo, ás 19.00 horas,
Chantada
Auditorio Municipal, venres 18 de marzo, ás 20.00 horas
Meira
Xoves, 14 de abril ás 19.00 horas
Casa da Cultura
Ribadeo
Auditorio Hernán Naval, domingo 24 de abril ás 20.00 horas
Programa sobre Rosalía
Ademais de “Libre coma os paxaros”, dentro da programación sobre Rosalía, a Vicepresidencia da Deputación ofrece aos concellos e asociacións a montaxe para público familiar “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, e a realización de murais homenaxe a autora en centros educativos e espazos públicos, a cargo dos muralistas Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft. Nos próximos meses, tamén viaxará pola comarcas a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, agora exposta na Praza de San Marcos de Lugo.