Concello e Acisa Ribadeo, que asumen neste 2022 a organización do Entroido ao non haber unha comisión veciñal que se faga cargo do evento, presentan o cartel e programa deste ano, así coma as bases do desfile.
A organización explica que “o cartel, baseado na saga de Star Wars, non pretende dar unha temática definida para o Entroido ribadense, pero sen dubida deixa aberto un sen fin de oportunidades de disfraces para a veciñanza, os camareiros, dependentes, visitantes.... así como para decoracións de bares, restaurantes e calquera outro negocio, aos cales animamos a facelo para engrandecer este espírito de Entroido”.
Concello de Ribadeo e Acisa Ribadeo indican tamén que “a programación está destinada a quen máis goza deste evento, as crianzas da casa, polo esta edición inclúe o baile infantil na sala Rosalar, o domingo 27 de febreiro as 17:00 horas, e o desfile de Entroido, que terá lugar o martes 1 de marzo a partir das 17.00 horas. Nos días previos haberá animación na rúa, a cal se irá anunciando sobre a marcha nas redes sociais do Concello e de Acisa”.
Sobre o gran desfile do Martes de Entroido salientan que “nesta edición repartiranse algo máis de 4.000 euros en premios. Destaca o da Mascarita, personaxe tradicional do Antroido de Ribadeo que se quere rescatar e poñer en valor. O seu humor, retranca e interacción coa xente son elementos esenciais e moi propios desta festividade. Con este premio, por primeira vez cunha importante contía en metálico -300 euros- preténdese contribuír a nutrir o desfile e dotalo do humor e da retranca que tanto se precisa nestes tempos tan influídos pola pandemia. O Entroido de Ribadeo e o seu desfile deben ser unha oportunidade para a alegría, a desconexión e o vínculo entre a veciñanza e tamén entre todas as persoas que nos visitan.”
O resto dos premios son:
COMPARSAS E/OU CHARANGAS: 1º premio, 500€; 2º premio, 400€; 3º premio, 300€
CARROZAS: 1º premio, 300€; 2º premio, 200€; 3º premio, 100€
GRUPOS (mínimo 3 persoas): 1º premio, 200€; 2º premio, 150€; 3º premio, 100 €
PARELLAS:1º premio, 150€; 2º premio, 100€; 3º premio, 75€
INDIVIDUAIS: 1º premio, 100 €; 2º premio, 75€; 3º premio, 50€
Na categoría infantil:
GRUPOS (mínimo 3 persoas): 1º premio, 200€; 2º premio, 100€; 3º premio, 50€
PARELLAS: 1º premio, 150€; 2º premio, 100€; 3º premio, 50€
INDIVIDUAIS: 1º premio, 150€; 2º premio, 100€; 3º premio, 50€
Os organizadores engaden: “ambas entidades, Concello e Acisa, ante a falta de comisión organizadora decidimos traballar conxuntamente para que, aínda que con formato reducido e adaptado ás circunstancias da pandemia, a veciñanza poida gozar desta festividade.”
A organización do Entroido ribadense explica tamén que “para obter información sobre a maneira de inscribirse no desfile recomendamos chamar aos teléfonos 982.128.689, 982.131.565 ou 982.120.565 ou ben consultar as webs do Concello ou de Acisa Ribadeo. Para participar no desfile pódese realizar a inscrición previa no Rexistro das oficinas municipais ou a través do correo electrónico turismo@ribadeo.org. As bases e a ficha de inscrición atoparanse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do portal www.ribadeo.gal e na web www.acisaribadeo.es. Na ficha de inscrición pídese nome e apelidos, DNI, domicilio, teléfono de contacto e nome da acción de Entroido que presentará no desfile. O prazo de inscrición comeza desde o día seguinte da publicación das bases no BOP ata o luns 28 de febreiro do 2022 ás 24 horas. Tamén se dá a opción para a inscrición o mesmo día do desfile no espazo habilitado no Teatro de Ribadeo (rúa San Roque, 2), desde as 15.00 ás 16.30 horas.”
Os organizadores indican que “no contexto de pandemia no que estamos a vivir e onde debemos conxugar a precaución co lecer, a programación queda supeditada á normativa sanitaria da Xunta de Galicia vixente nese momento. Así, en prol da seguridade e seguindo os protocolos hoxe vixentes, para o baile infantil as persoas adultas acompañantes terán que presentar o certificado covid para acceder á sala Rosalar e os nenos e nenas maiores de 6 anos deberán usar tamén máscara. Respecto do desfile, será obrigatorio o uso de máscara tanto para participantes coma para o público, incluíndo as charangas e comparsas”.
E rematan: “animamos a toda a veciñanza a que participe activamente deste Entroido 2022, disfrazándose e saíndo á rúa, decorando escaparates, ofrecendo a gastronomía típica destas datas, etcétera, para derrubar as barreiras que a pandemia instalou nas nosas vidas”.
Na presentación do cartel do Entroido 2022 participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e o xerente da asociación empresarial ribadense, Jesús Pérez.