Acisa e Gasóleos Abelleira poñen en marcha unha nova edición da campaña de apoio aos negocios locais asociados. Trátase de 50.000 tarxetas cun desconto de 0,10 euros/litro de combustible, que se poderán obter ao comprar e consumir nos comercios e na hostalería de Ribadeo.
Desde Acisa e desde Gasóleos Abelleira explican que “as 50.000 tarxetas estarán repartidas nos negocios asociados a Acisa e poderán facerse con elas as persoas que compren nos nosos comercios ou que consuman na nosa hostalería entre o 1 de febreiro e o 10 de abril. O gasto a realizar nos establecementos asociados para recibir unha tarxeta deberá ser superior aos 5 euros e só se entregará unha tarxeta por cada compra dese importe”.
E subliñan que “as tarxetas son descontos de 0,10 euros por litro de combustible sen límite nos litros de reposición. E será de aplicación unicamente na estación de servizo que se atopa situada no polígono industrial. Este desconto non é compatible con outras promocións de Gasóleos Abelleira”.
Acisa anima “á veciñanza a apostar, coma sempre, polo comercio e pola hostalería locais e a aproveitar esta promoción que nos brinda un dos nosos asociados, Gasóleos Abelleira, porque ademais de apostar polo consumo local aforraremos cando vaiamos encher o depósito dos nosos coches, e iso é importante nos tempos que corren, ademais de intentar darlle un maior impulso ao remate da campaña de rebaixas e ao inicio da tempada de primavera no comercio”.
Dende Acisa conclúen: “con esta campaña pretendemos, como decimos, impulsar a actividade hostaleira e comercial especialmente, neste remate da tempada de rebaixas e neste primeiro trimestre ata que comece a chegar o bo tempo, e de novo as datas de afluencia turística”.