A asociación cultural Fanto Fantini anuncia: “pensamos en facer o Osa do Mar 2022 no metaverso e con hologramas para axustar o presuposto pero ao final decidimos intentar facer un festival dos de contacto. E para iso necesitamos da vosa axuda, somos unha entidade sen ánimo de lucro e si queremos facer a oitava edición temos que comezar a buscar financiamento debaixo das pedras. Por iso recorremos a esta campaña de captación de fondos vendendo por adiantado a entrada, camiseta e bolso”. A oitava edición do festival Osa do Mar será os días 2 e 3 de setembro en Burela.
Os organizadores engaden: “somos un festival pequeno, que preparamos desde a Asociación Cultural Fanto Fantini cada ano con moita ilusión. Prometemos traballar nun cartel variado e de calidade como até o de agora. Moi pronto poderemos comezar a confirmar bandas. Intentaremos que a esencia se manteña e a fin de semana do Osa se converta nunha romaría cultural con unha explosión musical e bo ambiente”.
A duración da campaña de captación de fondos será ata o 31 de xaneiro. A entrega dos packs será a partir do mes de abril. Estes poderanse recoller en A Tenda do Roxo ou recibilos por correo.
Hai máis información sobre o festival Osa do Mar 2022 na páxina web www.osadomar.com e nas súas redes sociais.