A cuarta andaina deste outono de A Mariña en Ruta discorrerá por A Pontenova o vindeiro sábado, 23 de outubro.
Para este roteiro aínda queda algunha praza libre, segundo a Mancomunidade de Concellos de A Mariña. Os participantes, a través da Ruta dos Fornos, serán testemuñas da relevancia da minería na Pontenova, que debuxa desde antigo a paisaxe desta terra. As instalacións e estruturas das minas integráronse co paso do tempo no entorno natural do río Eo e son percorridas por esta e por outras 6 rutas que abranguen unha parte importante do municipio. A ruta, que ten unha lonxitude de 5 quilómetros e unha duración de dúas horas, permitiralles aos asistentes achegarse ata os Fornos de Vilaoudriz e de Boulloso, a entrada de Mina Consuelo e o Aula de Pesca da Pontenova.
O pasado sábado, 16 de outubro, o programa de rutas culturais e na natureza A Mariña en Ruta percorreu o municipio de Burela. A xornada comezou na coñecida praia de Portelo para, nunha apaixoante ruta da man da guía Lidia de la Fuente, coñecer dende o asentamento castrexo próximo ao Cabo Burela ata o porto que se converteu nun dos principais do Cantábrico no século XX. A través da historia da vila os participantes tiveron a ocasión de coñecer a Burela labrega ou a propia caza da balea, así como as diferentes artes de pesca e a vida dos mariñeiros na costeira do bonito grazas á visita ao Barco Museo Reina del Carmen. Esta andaina supuxo unha fantástica oportunidade de coñecer o patrimonio histórico de Burela e un incentivo para participar en próximas visitas á nave de redeiras, á asociación A Moncloa ou ás xeorrutas.
A Mariña en Ruta está organizada pola Mancomunidade de Concellos, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, para axudar á dinamización da comarca no outono.