O Concello de Cervo organiza rutas guiadas por Sargadelos, os sábados e domingos dos meses de xullo e agosto.
A inscrición previa pódese facer no número de teléfono 691 656 600. As prazas son limitadas a 20 persoas, podendo variar segundo o nivel de restricións. A actividade é gratuíta. As rutas están compostas por dous percorridos diferenciados que se complementan e están destinadas a todas as idades.
Estas rutas comezarán este sábado e domingo, días 17 e 18 de xullo, e continuarán o 31 de xullo e 1 de agosto, 14 e 15 de agosto e 28 e 29 de agosto. Dan comezo ás 17:00 horas e teñen unha duración de dúas horas.
A temática dos sábados xira ao redor da figura de Antonio Raimundo Ibáñez e a orixe do antigo complexo siderúrxico. O itinerario comezará na Praza do Souto para chegar ao Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos camiñando pola ruta do río Xunco.
Na temática dos domingos poñerase en valor a transcendencia da cerámica de Sargadelos nas súas distintas etapas. O itinerario comezará na entrada do Paseo dos Namorados desviándose pola senda botánica e chegando ás instalacións do Sargadelos presente.