A oferta deportiva no Concello de Barreiros incrementase nos meses de xullo e agosto con máis de 100 prazas para diversas actividades como Ioga, Zumba e Jumping Fitness, tanto para mocidade (de 13 a 17 anos) como para xente adulta (maiores de 18) na que será, segundo Dani García, concelleiro de deportes,“o punto de saída cara a vindeira programación anual de actividades deportivas para todas as idades”.
As actividades terán lugar no pavillón municipal de San Cosme e estarán impartidas por Lorena Díaz e Noemí Ramajo. Terán un prezo de 15 euros ó mes cada unha delas. “Apostamos así por actividades mais novidosas como o jumping fitness, no cal se utilizan camas elásticas para realizar distintas coreografías mediante saltos, e tamén, por actividades máis coñecidas como son zumba e ioga. Todas elas se adaptarán ás distintas idades e cabe a posibilidade de que en días, na que a climatoloxía o permita, as actividades se fagan ao aire libre nos exteriores do pavillón” sinala Dani García.
O luns 21 de xuño abren as inscricións
O período de inscrición estará aberto dende odía 21 ó 28 de xuño e realizárase nas oficinas municipais ou ben a través da sede electrónica do Concello de Barreiros. As prazas estarán limitadas para cada actividade.
“Estas actividades, sumadas ó campamento de verán, o cal completou as 120 prazas ofertadas entre as distintas quendas, e o campus da Fundación Celta de Vigo, completan unha axenda deportiva variada na que se prioriza a asistencia da xente do propio concello pero queremos salientar que taménestán abertas a persoas doutros concellos” apunta o edil de deportes.
Toda a información así como a documentación para formalizar as inscricións estará dispoñible na web aescola.concellodebarreiros.gal