Daniel García, concelleiro de dinamización, presentou as actividades que se levarán a cabo no Concello de Barreiros durante o mes de maio, adicado ás Letras Galegas. Na presentación estivo acompañado do narrador oral e poeta Lois Pérez, que será o coordinador do recital poético musical “Versos na Baixamar” que celebrará a súa primeira edición despois de ter sido adiado no pasado mes de Outubro.
Lois Pérez, Olalla Cociña, Paula dos Anjos e Daniel Irimia no Centro Sociocultural.
Versos na baixamar xuntará nesta primeira edición varias voces da Mariña que destacan pola frescura e a calidade da súa poesía, completando así unha xornada adicada á figura e a obra dunha das autoras fundamentais da nosa lingua e a nosa cultura. A poesía de Olalla Cociña, Paula dos Anjos e Daniel Irimia será a protagonista dunha tarde de música e versos, conducida polo narrador oral e poeta Lois Pérez o luns 17 de Maio ás 18h no Centro Sociocultural.
Actividades para todos os públicos, presenciais e virtuais.
A autora Andrea Barreira impartirá o luns 10 de maio nos centros escolares de San Cosme e San Miguel o obradoiro “Cada día, a familia” no que a través da figura e da obra de Xela Arias as crianzas reflexionarán sobre as familias e a súa diversidade.
“Ademais destas actividades presenciais, nos vindeiros días presentaranse unha serie de actividades virtuais na que tanto crianzas como maiores poderán participar e que queremos que sirvan de pasatempo á vez que nos axuden a descubrir cousas tanto do noso concello coma das Letras Galegas”, sinala o concelleiro Dani García.
Últimos días para participar nos concursos de narración e debuxo
O concelleiro lembra tamén que, ata o 7 de Maio está aberto o prazo para concursar no certame que organiza a Biblioteca Provincial de Lugo, coa colaboración como cada ano da Biblioteca Pública do Concello de Barreiros, no que o tema deste ano é “o dereito das nenas e nenos a participar na vida cultural”.