Presentouse no Pazo de San Marcos “Xela Arias. A poesía do retrato”, un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001.
A mostra, que se complementa cun libro catálogo, é o eixo central das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo polas Letras Galegas. Concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias observa de fronte e con honestidade.
Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora, tal e como explicou na presentación da mostra Xulio Gil. “Hai moi poucas fotografías que sexan roubada, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o fotógrafo, quen aludiu ao proxecto poético “Tigres coma cabalos”, como o precedente da relación artística entre ambos.
Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragamentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en “Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias” (Edicións Xerais, 2018).
Xulio Gil abondou na vinculación de Xela Arias con Lugo “fíxose poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo, tiña corenta anos e era de Lugo, porque era a antropoloxía que tiña na casa, co seu pai Valentín e coa súa nai Amparo. Estou seguro de que sería para ela un orgullo que a súa poesía e a súa imaxe estiveran por todo Lugo”, sinalou.
Formato e itinerancia
A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. Un formato concebido para a instalación en espazos exteriores e a itinerancia, unha fórmula coa que a Vicepresidencia da Deputación aposta por achegar a poesía e a fotografía ás diferentes comarcas.
A exposición comezará o seu percorrido pola provincia de Lugo o 1 de maio en Sarria, localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro urbano da vila ata o 20 de maio.
A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.
“Cando soubemos da elección de Xela Arias para o Día das Letras Galegas 2021, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.
“Esta fórmula expositiva, para exteriores e itinerante, responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa. Sacar a poesía do sillón do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”, indicou.
O produtor executivo da mostra, Xosé Aldea, describiu o “reto técnico” que supón a itinerancia da exposición, pola dimensión dos soportes, “8.000 quilos de cultura, de poesía e de fotografía, cos que procuramos socializar as propostas artísticas e culturais de Xela Arias e Xulio Gil”.