Desde o Concello sinalan que “á vista da situación epidemiolóxica e, aínda que a realización da ruta está permitida e se realizaría cun estrito cumprimento das medidas sanitarias -ao igual que a realizada na pasada semana- o Concello de Barreiros decidiu suspender esta ruta a espera da evolución do coronavirus no municipio”.
Esta segunda ruta organizárase tras o éxito da que tivo lugar a semana pasada e contaba con aforo completo e lista de agarda.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “a suspensión da mesma é un acto de responsabilidade, xa que precisamente as administracións e cargos públicos debemos ser exemplarizantes na adopción de medidas para frear a expansión da covid19”.
Desde o Concello barreirense anuncian tamén que, cando a situación sanitaria o aconselle, se retomará a programación de actividades.
As persoas que tomaron parte na ruta da pasada semana foron ademais notificadas expresamente polo Concello para que se anoten ao cribado do vindeiro martes, 13 de abril, aínda que a ruta se desenvolveu en todo momento baixo un estrito protocolo e vixilancia do seu cumprimento (ao aire libre, con máscara en todo momento e nun grupo de 8 persoas máis monitor; tal e como establece a normativa)