Teatro Noroeste presenta este sábado, día 6 de marzo, en Viveiro Da avaricia, a luxuria e a morte. Será no Teatro Pastor Díaz ás 19:00 horas.
Trátase dunha adaptación de Manuel Guede da obra de Ramón María de Valle Inclán. En Ligazón, a avaricia é un colar que enxoia o espertar do desexo erótico máis primario e animal, pero sobre todo é un inmenso e brutal berro de reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo. A confabulación da Raposa e a Venteira non será quen de afogar a ansia de emancipación dunha Moza cos seus obxectivos perfectamente trazados. En A cabeza do Bautista, o indiano retornado fuxindo de xustizas, e despois da boa e incomprendida acción de dotar a un pobo inculto de bar e billares, se reencontra co seu pasado encarnado no fillo da finada, que chega con intencións retortas de recuperar herdanzas e numerarios. En A rosa de papel asistimos á agonía dunha traviata polo seu mal casar e contrariada porque o billetaxe dos seus aforros será malgastado por un mal home borrachón e anarquista.
Baixo a dirección de Eduardo Alonso, o elenco artístico está formado por Luma Gómez, Manuela Varela, Xavier Estévez, Inma Antonio e Miguel Pernas.