A Xunta de Galicia, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), promove ata xuño 25 actuacións escénicas e musicais na área da Mariña. As funcións organízanse en colaboración cos concellos de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, integrantes da Rede. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e en Cultura de Galicia.
A primeira das actuacións terá lugar mañá sábado en Viveiro, con O premio, de La Quintana, unha comedia sobre a situación que viviremos nun futuro próximo derivada do progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social. O día 27 chegará o teatro dirixido a público familiar con Ghazafelhos e o seu Pinocchio, unha adaptación do clásico que mestura marionetas, teatro actoral e música en directo.
Xa en marzo, o día 6, Teatro do Noroeste ofrecerá a obra Da avaricia, a luxuria e a morte. En abril tamén haberá teatro familiar, con Ummm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións, o día 10; e con Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, o día 24. O 17 deste mesmo mes representarase a obra coproducida co Centro Dramático Galego A compañeira de piso, de Contraproducións. Todas as funcións terán lugar no Teatro Pastor Díaz.
Funcións en Burela, Foz e Ribadeo
En Burela, o 27 de febreiro representarase Unhas gafas como as do avó, de A Trastenda dos Contos, que combina lingua de signos e lingua oral, e o día 13 de marzo o espectáculo musical Extra!, de Paco Nogueiras. O 17 de abril chegará o novo circo The show moscón, de Galitoon, e o 8 de maio, Acuario, de Ghazafelhos. Todas estas funcións están dirixidas ao público familiar. A programacion compléta e con dous concertos, Dende o meu balcón, de Susana Seivane, e Nostálgica, de Frik&paldis, os días 15 e 29 de maio. Todas as actuacións terán lugar na Casa da Cultura.
Pola sua banda, a Sala Bahía de Foz acollerá tres funcións de teatro infantil, con Aguratrat!, de Pérez & Fernández, o 6 de marzo; Cousas de casa, de Mircromina, o día 10 de abril. Outra das obras previstas para este semestre é O lobo e a lúa, de Baobab teatro, nunha data pendente de determinar.
Finalmente, en Ribadeo as funcións, que se desenvolverán no Auditorio Municipal Hernán Naval, comezarán o 7 de marzo, coa obra de teatro familiar Ris Ras, de Baobab Teatro. Tamén están dirixidas á cativada as obras O segredo do tendal e Cinema Marabillas, de Raquel Queizás, programadas para os días 14 e 20, respectivamente; Arrerrú, de Rilo & Penadique, para o día 21; e o espectáculo de danza Catro, de Caramuxo Teatro, que será o día 28. En abril representarase A xente 2.0, de Amorodos, o día 11; e As pitas baixo a choiva, de Ghazafelhos, o 25, esta dirixida ao público familiar. O 2 de maio Talía Teatro ofrecerá Vida de cans e o 9 Chévere, Curva España. Será tamén Chévere quen peche a programación deste primeiro semestre en Ribadeo, con As fillas bravas e o mito de Casandra, o 6 de xuño.
Máis de 300 actuacións en 40 concellos
Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar, que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por un valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.