A Concellaría de Cultura promociona a danza contemporánea para o público xeral e para o alumnado da súa Escola Municipal de Música e Danza. Será este domingo, 8 de novembro, ás 17:30 horas no Auditorio Municipal. Sabela Domínguez e Julia Laport, da compañía Elahood, ofrecerán unha función para todos os públicos. A edil Pilar Otero anima á veciñanza a acudir a esta cita.
A concelleira de Cultura declarou que “a pesar de como condiciona a nosa vida a pandemia, e dado que o sector do lecer cultural revélase como dos máis seguros, a Concellería de Cultura de Ribadeo segue cunha programación que se mantén case nos niveis precovid. Así mantén o compromiso que a principios deste ano contraera co colectivo Cara A Unha Escea Plural que, baixo o patrocinio de Agadic, busca que a danza contemporánea teña un lugar fixo nas programacións culturais anuais. A cambio da programación de espectáculos de danza por parte dos Concellos adheridos, entre os que se atopa Ribadeo, impartirase unha clase didáctica de acompañamento da obra elixida, neste caso A soidade de Wally da compañía Elahood. A masterclass será impartida polas bailarinas Sabela Domínguez e Julia Laport, este sábado, día 7 de novembro, ás once da mañá no Auditorio Municipal e está dirixida ao alumnado de maior idade de Área de Danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. A función para todos os públicos terá lugar tamén no Auditorio Municipal o domingo, 8 de novembro, ás cinco e media da tarde”.
Pilar Otero explicou que “Elahood é unha compañía de danza urbana, fundada en xaneiro de 2017, por Sabela Domínguez e Julia Laport. Nace co obxectivo de desenvolver a súa visión artística, axudar a promover a danza urbana e a profesionalización da mesma na Galiza. Con traxectoria profesional en diferentes países, Sabela e Julia compaxinan o seu traballo como directoras e intérpretes en Elahood colaborando con creadoras e creadores de diversas disciplinas artísticas, música, videocreación, teatro, etc… Forman parte activa da comunidade de danza urbana en Europa, viaxando con frecuencia a eventos e formacións en diferentes países. Como docentes ofertan clases regulares e obradoiros intensivos para nenos e nenas, adolescentes e adultos”.
A edil ribadense engadiu que “Elahood utiliza elementos de varias danzas urbanas, como o hip-hop, o waacking, o house ou o popping, combinándoas de diversas maneiras para crear así un vocabulario persoal que utilizan como medio para contar historias en movemento. As danzas urbanas, a pesar de nacer en lugares e momentos diferentes e basearse á vez en diferentes culturas e estilos de música, teñen en común que moitas xorden como resposta a unha situación social complicada ou de opresión, así que están moi acaídas neste momento. É grazas a isto que xorde un arte moi real que reflicte emocións humanas moi puras dunha forma moi directa. Mediante esta linguaxe Elahood conecta co público facendo un estilo de arte moi próximo e accesible”.
Otero Cabarcos convida “a toda a veciñanza a vir desfrutar deste espectáculo ao Auditorio Municipal o domingo, día 8 de novembro, ás cinco e media da tarde. Animádevos e vide apoiar a danza e a cultura en Ribadeo”.