A Concellería de Agricultura, Gandeiría e Montes do Concello de Xove abre o prazo para solicitar árbores froiteiras, árbores forestais autóctonas e plantas ornamentais. Trátase dunha iniciativa que a Concellería ven desenvolvendo dende hai anos co fin de mellorar o medio natural e o entorno das vivendas. A esta iniciativa poden acudir todas as persoas que estean censadas en Xove.
Como novidade este ano, tamén se abre esta solicitude a tódolos propietarios de parcelas ubicadas no termino municipal que non estean censados en Xove, cuxas parcelas estean afectadas pola faixa de protección de incendios de núcleos rurais, vivendas, etc. Neste caso, estes propietarios só poderán solicitar árbores forestais autóctonas.
O prazo de solicitude será do 3 de novembro ao 30 de decembro, ámbolos dous días incluídos. As solicitudes haberá que facelas nas oficinas do Departamento de Agricultura en horario de oficina, de 9:00 a 14:00 horas.