A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, organiza as II Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que se desenvolverán as fins de semana do 9 ao 18 de outubro. Nesta ocasión estarán destinadas aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, das axencias de viaxes e dos centros educativos de Galicia.
Desde a Mancomunidade o seu presidente, Fran Cajoto, lembra que “se trata de xornadas con actividades gratuítas que o ano pasado estiveron dirixidas ao público en xeral e que este ano o ente supramunicipal xunto aos artesáns decidiu dedicar especialmente aos profesionais do turismo, hostalaría e comercio locais, axencias de viaxes e centros educativos. Co obxectivo por un lado, de que os profesionais do territorio e en contacto co turista podan coñecer de primeira man esta iniciativa para logo recomendala aos visitantes e por outro, para que as axencias decidan incluíla entre a súa oferta turística coma unha experiencia de turismo slow e sostible. Ademais, debido ao seu poder didáctico, a finalidade é que os equipos directivos dos centros educativos podan coñecer esta iniciativa para, agardamos nun futuro próximo, ofertala ao alumnado coma saídas e excursións”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, subliña que “as II Xornadas de Portas Abertas discorrerán por parte dos 6 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense e inauguraranse este venres, 9 de outubro, en Burela coas Redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, antigo barco boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. As Xornadas de Portas Abertas continuarán durante os días 10, 11, 16, 17 e 18 de outubro en Foz, Cervo, Mondoñedo, Riotorto e Viveiro”.
O próximo sábado, día 10, será o turno de Foz, co artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro, a visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo e o seu centro de interpretación e un paseo guiado polo porto pesqueiro de Foz. O domingo 11 a iniciativa chegará a Cervo, coa visita ao asteleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e un paseo histórico guiado pola Península da Paz. O venres 16 seguirán estas xornadas en Mondoñedo coa visita ao barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita ao Alfar, ao canteiro Vilariño e unha visita guiada ao centro histórico da cidade. O sábado 17 Mondoñedo pasará o testigo a Riotorto, coa visita á forxa de Jomaca, unha pequena ruta de sendeirismo pola Ruta do Ferro e a visita ao Conxunto Etnográfico Mazo de Ferreiravella. As xornadas rematarán o 18 de outubro, domingo, en Viveiro coa visita a Otero Regal, unha ruta fluvial polo Paseo Alcalde Cerdeiras e unha visita guiada ao casco histórico de Viveiro. Todas as visitas guiadas correrán a cargo de Noela Feal, que é Guía Oficial de Galicia e artesá.
Estas Xornadas son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e actividades complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.
Hermida explica que “as Rutas de Artesanía son itinerarios turísticos nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se sitúan e da súa contorna próxima. Así, os visitantes poden realizar as Rutas de Artesanía de forma autónoma guiándose pola recomendacións facilitadas na nosa web e da guía das Rutas de Artesanía, na que traballamos para a súa actualización, sobre todo en formato dixital debido aos tempos que corren, e que estará dispoñible a partir do venres”.
Mais información en amarinalucense.gal