O restaurante O Forno de Tovar, de Lourenzá, organiza unhas xornadas gastronómicas dedicadas á faba de Lourenzá desde mañá, venres, ata este domingo.
Os tres días servirá diversas elaboracións con fabas: con xabaril e cogomelos; con bonito de Burela e algas; con callos de tenreira; con compango de porco celta; e con galiña de Mos e ovo. E tamén ofrecerá unha tapa especial, que é vieira ao forno con fabas e mexillóns, a un prezo de 1,5 euros.
E para o domingo ao mediodía O Forno de Tovar prepara un menú degustación especial Festa da Faba cos seguintes pratos: timbal de faba fresca con setas, panceta de porco celta e foie; verdinas con bacallau e os seus callos; galiña de Mos con quiche de fabas e salsa cítrica; postre caseiro e pan artesán. O prezo por persoa é de 28 euros, bodega aparte.
O xerente é cociñeiro do Forno de Tovar, Jorge López, explica que obxectivo destas xornadas é “que a xente poida gozar da gran riqueza gastronómica da faba de Lourenzá, preparada de diferentes maneiras e sobre todo con produtos de razas autóctonas, aínda que este ano non poida celebrarse a Festa da Faba como nos gustaría”.
Para participar nestas xornadas é imprescindible reservar, o que pode facerse no propio restaurante, que está no Pazo de Tovar, ou chamando ao teléfono 619.65.25.45.