A asociación A Concordia, de Ribadeo, organiza unha exposición antolóxica dos debuxos e gravados de Amando Suárez Couto (1894-1981), que foi destacado artista e animador cultural ribadense do século XX.
Amando Suárez Couto, entre outras actividades nas que colaborou sempre desinteresadamente, foi fundador do fútbol ribadense en 1913, e da Biblioteca Popular Circulante en 1927. Nos anos vinte colaborou no movemento galeguista con debuxos en La Comarca, Ronsel e Céltiga. En 1933 en Madrid fai os gravados para o Ribadeo Antiguo, de Francisco Lanza, dos que unha parte se amosan na exposición. De volta a Ribadeo exerce como profesor no Colexio Santo Tomás de Aquino. Co seu irmán Carlos nos anos corenta impulsan a Xira de Santa Cruz e nos anos sesenta fundan o grupo de gaiteiras Saudade. Colabora con Carlos Álvarez Fernández Cid na fundación da Coral Polifónica da vila. Forma parte en 1957 da comisión que refunda a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, para a cal deseña o mobiliario e pinta in situ o retrato ecuestre do poeta ribadense.
A Asociación A Concordia puido acadar, procedente de familiares, amigos, publicacións periódicas da época e ilustracións de libros, medio cento de debuxos e gravados que por primeira vez se expoñen en conxunto,
salientando unha faceta da obra deste artista menos coñecida que a súa produción pictórica, mais non por isto de menor calidade.
As copias poden verse na Oficina de Turismo do Concello da rúa Dionisio Gamallo do 14 de setembro ao fin do mes.