Os roteiros de A Mariña en Ruta seguirán nos primeiros días de setembro por Riotorto, Ourol e Viveiro.

Os roteiros de A Mariña en Ruta seguirán nos primeiros días de setembro por Riotorto, Ourol e Viveiro. A iniciativa da Mancomunidade conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo. 

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, amósase satisfeita pola acollida que están a ter as diferentes rutas organizadas a través do xeodestino durante os meses de agosto e setembro: “no caso das próximas que imos ter, xa podemos adiantar que as prazas para o roteiro de Riotorto está completas, para Ourol quédannos 5 prazas libres e para Viveiro hai 9 dispoñibles neste momento. Iso indica que esta iniciativa está a resultar moi interesante para as persoas que nos visitan este verán”. 

A primeira das rutas en setembro terá lugar o día 1, o vindeiro martes. Será un paseo pola minería de ouro en Riotorto, que estará guiado por Francisco Canosa. Os participantes poderán coñecer un pouco máis sobre a minería romana que se desenvolveu na zona, descubrindo tanto o método de exploración como o de explotación. A día de hoxe aínda son visibles no terreo os restos desa actividade mineira, o que axudará a entender mellor como funcionaba unha mina de ouro romana.

Municipio: Riotorto.
Data: 1 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 17:00  horas.
Duración: 2 horas.
Lugar de inicio: Gasolineira Cepsa de Riotorto. Rúa Alcalde Castrín 10 (Riotorto). 
Dificultade: Media.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar ou chaqueta impermeable (roupa acorde coa meteoroloxía do día). Auga. 
Prazas cubertas: 15.

O 2 de setembro a ruta discorrerá polo Ourol indiano e natural. De guiar esta visita encargarase Noela Feal. Trátase dun roteiro de 4´5 quilómetros  no que os asistentes coñecerán o patrimonio cultural e natural de Ourol.  Partirán da Casa do Concello e camiñarán polas rúas de Ourol descubrindo as curiosidades dalgunhas das casas indianas do pobo. Visitarán tamén a igrexa de Santa María e o cemiterio. Á volta, collerán os coches para acabar a visita na preciosa fervenza do río Xestosa, un paseo de 250 metros en descenso.

Municipio: Ourol.
Data: 2 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 11:00  horas.
Duración: 2 horas.
Lugar de inicio: Casa  do  Concello de Ourol. RúaMesón s/n (Ourol).
Dificultade: Baixa.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar ou chaqueta impermeable (roupa acorde coa meteoroloxía do día). Auga. Pódese levar roupa de baño.
Prazas dispoñibles: 15. Xa hai 10 prazas cubertas. Quedan 5 libres neste momento. 

E o 3 de setembro foi a data elixida para o roteiro que discorrerá polo Souto da Retorta en Viveiro, que tamén será guiado por Noela Feal. Nun marco natural incomparable, o paseo polo Souto da Retorta invita a desconectar, a encontrar a paz e a coñecer a árbore máis grande de España, un eucalipto de máis de 100 anos. Os participantes nesta ruta coñecerán a historia desta paraxe, entrelazándoa coa historia da fábrica de Chavín. Turismo de natureza e industrial unidos e interrelacionados.

Municipio: Viveiro.
Data: 3 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 11:00  horass.
Duración: 2 horas.
Lugar de inicio: Frente á “Taberna do Avó”, Chavín (Viveiro). 
Dificultade: Baixa.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar ou chaqueta impermeable (roupa acorde coa meteoroloxía do día). Auga. 
Prazas dispoñibles: 15. Xa hai cubertas 6 prazas. Quedan 9 libres. 

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense lembran que os prezos dos roteiros son: 5 euros individual / 8 euros parella / 12 euros familiar ou grupo ata 5 membros.
A Mariña en Ruta é unha iniciativa da Mancomunidade que se realiza coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e, para a súa promoción, da Deputación de Lugo.
Para máis información:
https://enruta.amarinalucense.gal/