Mañá, mércores, terá lugar unha nova edición do mercadiño semanal de Ribadeo na súa nova localización no aparcadoiro municipal. Aos postos agroalimentarios uniranse mañá outros de ferraxería, antigüidades, bixutería, calzado e bolsos. Tal e como veu acontecendo nas dúas últimas semanas o mercado cumprirá con todas as medidas de hixiene e seguridade para facer fronte ao Covid-19: “hai unha serie de medidas de obrigado cumprimento para as persoas vendedoras, que estarán suxeitas a unha serie de normas protocolarias de sanidade como levar máscara, garantir dous metros de distancia entre eles e a clientela, desinfectar e limpar frecuentemente a maquinaria empregada ou poñer a disposición da clientela luvas e líquido hidroxel, entre outros. Pero tamén as persoas usuarias destes mercados deberán garantir a separación entre eles, en todo momento, de dous metros de distancia entre si, e deberán permanecer o menor tempo posible no mercado recomendándose tamén o acceso a el con máscara e con luvas”, insistía o alcalde, Fernando Suárez, hai uns días.