O Concello de Xove, a través dun Bando, decreta o peche de todas as instalacións municipais onde se realice calquera tipo de actividade deportiva, cultural ou de calquera outra índole. Quedan suspendidas tamén desde mañá a actividade na Escola Infantil, na Escola de Maiores, na Escola de Música, na Escola de Ximnasia Rítmica, na Escola de Natación, no Programa Ponte en Forma e nos obradoiros de longa duración.
Debido á situación orixinada polo problema sanitario do coronavirus, recibiron no Concello a comunicación de suspensión de varias actividades para ese fin de semana:
-Suspéndese a celebración da XV FESTA DO LACÓN E FOLIADA DA MARIÑA que a Asociación Saiñas de Xove tiña previsto celebrar no Pavillón de Deportes de Xove este vindeiro sábado, 14 de marzo.
-Suspéndese a celebración da RUTA DO CABALO que a Asociación de Cabaleiros da Medela tiña previsto celebrar o domingo, 15 de marzo.