A lonxa de Burela acollerá este mércores, 27 de novembro, pola mañá unha nova xornada do proxecto 'PEQUE-PEIXE', organizada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo en colaboración con Armadores de Burela e que ten como obxectivo formar aos nenos de 3 a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego.
No acto participarán 139 nenos de 10 e 11 anos de 5º e 6º de Educación Primaria de varios colexios públicos da contorna: CEIP Virxe do Carme de Burela, CEIP Península da Paz de San Cibrao, CEIP Plurilingüe Número 1 de Foz e Colexio Plurilingüe Nosa Señora do Pilar de Foz.
A xornada comezará ás 10:30h coa visita dos pequenos á lonxa ABSA de Burela, onde aprenderán a diferenciar as principais especies pesqueiras e as etiquetas do peixe fresco.
Ás 11:25h os alumnos recibirán no salón de actos de ABSA explicación sobre os profesionais da pesca, coa proxección de diferentes vídeos; e o valor do peixe, coñecendo a importancia da pesca e o valor nutricional do peixe branco e azul.
Presentarase tamén o contido das unidades didácticas Peque-Peixe elaboradas pola consultora galega especializada en pesca, Sinerxia Plus, para nenos de 10-11 anos, nas que se dan a coñecer aspectos como as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes.
Finalmente ás 11:50h cada colexio exporá traballos sobre as especies de peixe máis habituais da lonxa de Burela e coñeceranse os gañadores do concurso “As receitas de peixe da Avoa” que os alumnos teñen que presentar sobre algún destes produtos pesqueiros da frota burelesa.
Esta acción está enmarcada no Plan de Producción e Comercialización 2019 de OPP Lugo e cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.