A parroquia focense de Fazouro acollerá a celebración do Día Mundial das Aves e de divulgación da pillara das dunas o 5 de outubro. Organiza: Concellería de Medio Ambiente.

A Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural do Concello de Foz continúa no mes de outubro coas actividades relacionadas coas aves. En  setembro a Exposición Aves de Galiza, que foi moi ben recibida, permitiu a veciños, visitantes e mesmo algún Centro de Ensino do Concello, amosar a riqueza ornitolóxica do país.
 
Desde a Concellería de Medio Ambiente "Invitamos a celebrar o Dia Mundial das aves o sábado, 5 de outubro, as 12 da mañá. Convidamos a tódolos interesados a compartir un acto divulgativo con Luis Salaverri Leiras, Doutor en Bioloxía, experto ornitólogo e gran coñecedor das aves do Concello de Foz. O lugar escollido é Fazouro, no Centro Social-Antigas Escolas, ben próximo ao espazo dunar da Pampillosa refuxio de especial interese ornitolóxico onde aniñan as Pillaras das dunas. A Pillara foi escollida como ave do ano 2019 pola SEO/Birdlife. Trátase dunha ave en serio perigo de extinción.Ten na Galiza o seu último refuxio do norte da peninsula ibérica, xa que desapareceu do resto de zonas do litoral septentrional, e só se ve xa na costa portuguesa e mediterránea da Península. Estímase que na actualidade quedan pouco máis dun cento de parellas ao longo do litoral galego".
 
E engaden: "destas aves tan valiosas, das migrantes en plena viaxe de volta a Africa diante das nosas costas e das da ría do Ouro e Foz, recibiremos amena e útil información dun experto como Luís Salaverri".