Na Casa da Cultura, de San Ciprián, pode visitarse unha exposición de manualidades feitas por mulleres que participaron nun curso organizado pola asociación As Espalladoras. Á inauguración da mostra asistiron o alcalde, Alfonso Villares, e outros membros da corporación municipal de Cervo.
O rexedor municipal explicou que “inauguramos unha exposición das manualidades feitas polas mulleres que estiveron acudindo a un curso organizado pola Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras. Vai estar aberta ata o 28 de agosto en horario de mañá e tarde. Pola mañá de 11:00 a 13:30 horas e pola tarde de 18:00 a 21:00 horas. Expóñense os traballos feitos por unhas vinte persoas, que foron as que acudiron a estes cursos que tiveron lugar no local social de Castelo, un dos locais públicos que ten o Concello de Cervo e que nosoutros cedemos, como outros espazos, ás distintas asociacións do noso concello”.
Alfonso Villares engadiu que é “unha actividade máis, que neste caso organiza este colectivo de mulleres, co que nosoutros, desde o Concello de Cervo, ao igual que noutros, intentamos facer todo o posible para mantelos vivos e que a súa actividade, a que cada un deles queira desenvolver ao longo de todo un ano, poida ser posible; e neste caso podemos así todos gozar durante este mes dos distintos traballos feitos por estas vinte persoas que acudiron a este curso de manualidades feito por este colectivo de mulleres”.