Leo Bassi regresa a Galicia para deleitar ao público da Mariña e visitante que se queira chegar ao Auditorio de Ribadeo para gozar de The best of Leo Bassio sábado 4 de febreiro ás 21 horas. As entradas, a 10 euros, poden reservarse chamando á distribuidora Culturactiva S. Coop. G. ao 981 58 28 36, e recoller o propio día da función até media hora antes da mesma no despacho de billetes do Auditorio.
Este espectáculo, que xa se puido ver en Galicia o ano pasado en Galicia, concretamente en Vilagarcía o Día de San Roque, no marco do Festiclown, é unha recompilación dos seus mellores números dos últimos anos, verdadeiros clásicos nos que vemos ao Bassi mais divertido, mordaz e o que máis xoga e se relaciona co público, parte principal do seu espectáculo. As relixións, a banca, a dereita, o capitalismo... Nada escapa á crítica de Bassi, á arte que, libre de convencións, ofrece ao público unha experiencia apaixonante, sensacional, onde a provocación é unha linguaxe e non un propósito.
Leo Bassi, o maior bufón dos nosos tempos
Hai seis xeracións, un devanceiro de Leo Bassi loitou á beira de Garibaldi antes de crear un dos primeiros circos modernos da Toscana. Pola outra beira familiar, co auxe do vaudeville, o seu avó británico, Jimmy Wheeler, era unha das estrelas do London Palladium antes de ser pioneiro en televisión nos primeiros anos da BBC. Bassi, máis aló de continuar coa tradición familiar, salvagarda un propósito: manter vivo o espírito provocador que caracterizaba o selo dos Bassi. Porque Leo é un bufón, un home comprometido que considera que o pallaso ha de mirar directamente ao poder, mofarse del e denuncialo mediante a risa. A provocación é unha ferramenta do compromiso para este italiano que debutou con sete anos en Australia. Aos 23 iniciou a súa carreira en solitario, creando os seus propios espectáculos e converténdose, co paso dos anos, nun dos clown máis coñecidos do mundo.