Apaga dentro do seu proceso de internacionalización, no marco do programa Erasmus+ e como apoio ao sector primario, vai traer á Mariña ao produtor de agricultura ecolóxica Jean Pacheco, que visitará a comarca do 3 o 6 de febreiro.
Segundo explica o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, “realizaremos un programa de seminarios de traballo en colaboración cos Concellos de Ribadeo, Lourenzá e Mondoñedo. O día 3 a xornada realizarase en Ribadeo e en Tapia, na Fundación Edes; o día 4 será en Mondoñedo pola maña e pola tarde en Lourenzá”. Doural subliña que “poderán participar nos seminarios tanto produtores como consumidores”.
Jean Pacheco é fillo dun traballador agrícola español que chegou a Francia en 1968, e mudouse para Verdalot en 1994. Acordouse da zona rural de Andalucía onde vivían os seus avós, que eran agricultores. Jean Pacheco dedícase á agricultura ecolóxica en Seine-et-Marne. Ten case 13 hectáreas, incluíndo 5.000 m² de invernadoiro, onde cultiva máis de 70 variedades de froitas e legumes que vende sobre todo en curtocircuítos en asociacións para a preservación da agricultura campesiña (AMAP) da rede de Île-de-France. O seu principal produto vexetal é o espárrago. Pacheco ten certificado ecolóxico dende o 1 de xaneiro de 2012. Vende no mercado de Rungis, tendas de orgánicos, restaurantes de París e tamén é o provedor de preto de 320 membros da AMAP 8 en París.
Segundo conta este produtor a tempada de espárragos é moi curta. A maior parte da colleita é de preto de dez semanas, cando fai moita calor. O espárrago pode medrar nunha noite 17 centímetros e por iso ten que contratar xente a maiores dos seus tres empregados permanentes. Planta uns 130.000 puerros. Ten unha máquina para plantalos que leva 3 regos á vez, onde van sentados tres operarios. Os consumidores de París, cos que ten contrato para a venta de cestas e que tamén teñen que colaborar nos traballos polo menos unha vez o ano, estiveron axudando a preparalos para a súa plantación. Tres veces por semana Jean Pacheco percorre uns 600 quilómetros, coa súa furgoneta para levar as caixas de pequenos froitos e legumes aos seus asociados (cestas).