Ibuprofeno Teatro representará o 22 de outubro en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, a obra "Raclette".

Ibuprofeno Teatro representará o 22 de outubro en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, a obra "Raclette".
 
A compañía Ibuprofeno Teatro presenta a obra Raclette este sábado, 22 de outubro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 20:30 horas.
 
A historia da que á autor Santiago Cortegoso, que tamén dirixe a obra, conta como Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentar o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela. Esta Raclette urbana e contemporánea une durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia.
 
Os cinco personaxes sentados á mesa conforman un complexo mosaico humano, son liñas de fuxida cara a unha identidade que os axude a sobrevivir a través do traballo, a arte, a descendencia…A súa posta en común nun contexto aparentemente inocente que agocha un suceso terrible que só se destapará ao final, xera un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles. Deste conflito entre persoas que han de convivir a pesar das diferenzas xorde un humor escuro que busca a risa no máis negativo do ser humano. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora aos seus integrantes.
 
O elenco artístico da obra está composto por Salvador del Río, Deborah Vukusic, Toni Salgado, Iria Sobrado e Marián Bañobre.