Finaliza o Mes da Maxia, que organizou a Mancomunidade de Municipios da Mariña, con menús e actuacións en catro restaurantes de Ribadeo, Burela, Cervo e Alfoz.

Finaliza o Mes da Maxia, que organizou a Mancomunidade de Municipios da Mariña, con menús e actuacións en catro restaurantes de Ribadeo, Burela, Cervo e Alfoz.
 
O venres e o sábado, 27 e 28 de novembro, catro restaurantes da comarca acollerán a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta, e que se desenvolveu dende a última fin de semana de outubro. Remata un mes de maxia e gastronomía que fixo as delicias dos asistentes. 
O venres, 27 de novembro, o restaurante Casa Pepe “O Piano” de Ribadeo preparará un menú de cadea máxica (milfollas de polbo e minitosta de chicharro en salmoira), apócima branca (bacallao pil-pil), claro de lúa (queixada de ibérico ao Mencía) e pedras filosofais (trufas de chocolate). Actuará o mago Teto logo da cea. 
Tamén o 27 haberá menú máxico no Mis en Plas de Burela. Os asistentes degustarán neste caso parella de ases (pastel de bonito e croquetas de xamón ibérico), o truco das moedas (raxo de polbo con mollo e zamburiñas), lúa de sangue (segredo ibérico con redución de Mencía) e tarta encantada (tiramisú). Nesta establecemento estará o mago Rafa. 
Xa o sábado, 28 de novembro, será O Almacén, de Cervo, o que ofreza un dos últimos menús máxicos desta edición. Os que acudan a este restaurante poderán gozar de corazón púrpura (mexillóns ao vapor), pote de sapos (salpicón de peixe- sapo), cabaza ensartada (agulla con prebe de cabaza) e doce tentación (torta de galleta). Neste restaurante fará maxia o mago Charly.
Finalmente en Finca Galega, en Alfoz, o menú máxico do 28 de novembro vai consistir en parella de ases (chipiróns e empanada), cunchas máxicas (ameixas en prebe verde), meigallo do porco (solombo de porco á grella con patacas panadeiras) e trucos de vella (milfollas de crema con xeado de limón). O mago Teto será o encargado de amenizar a velada coa súa maxia. 
O prezo dos menús máxicos mais actuación é de 25 euros por persoa e inclúe tamén as bebidas: auga mineral, viño tinto ou branco, café ou infusión. As cenas darán comezo ás dez da noite. 
Como nas anteriores ocasións, as reservas para esta última fin de semana  do Mes da Maxia poden facerse directamente nos restaurantes participantes con 24 horas de antelación como mínimo. O Mes da Maxia conta co patrocinio de Pazo do Mar e de Distribuciones Carreiras.