Este venres, 7 de agosto, comeza o "Agosto musical" da Banda Municipal de Música de Ribadeo, despois de actuar a pasada fin de semana co trío Vaamonde, Lamas e Romero.

Este venres, 7 de agosto, comeza o "Agosto musical" da Banda Municipal de Música de Ribadeo, despois de actuar a pasada fin de semana co trío Vaamonde, Lamas e Romero.
 
Este venres, día 7 de agosto, terá lugar o primeiro dos catro actos incluídos no ciclo Agosto Musical 2015 da Banda Municipal de Música de Ribadeo cun concerto da sección de percusión xunto co grupo Calabash.
Esta actuación, que terá lugar no Cine Teatro ás dez e media da noite estará dirixida por Marcos Rodríguez Rodríguez, quen adiantou que “o concerto seguirá na liña dos anos anteriores, con música latina e todos os arranxos son feitos por nós. A intención de Calabash é seguir mantendo ese hobby que teñen os nenos cando saen da escola de música, xa que así teñen un grupo no que tocar. Nesta ocasión estamos de celebración porque cumprimos 5 anos e manter unha formación durante este tempo non é fácil, sobre todo cando só se funciona nos meses de verán. Ademais seremos moitos, unhas 20 persoas, e estamos encantados de colaborar outra vez con Amadores da Música nas xornadas de Agosto Musical. E, como estamos de celebración destes 5 anos, teremos unha sorpresa, vamos facer algo especial, fóra do habitual para este tipo de formación. Esperamos que á xente lle guste e que goce co concerto”.
Concerto co trío Vaamonde, Lamas e Romero  
A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, actuou na noite do pasado sábado xunto co trío musical e humorístico Vaamonde, Lamas e Romero no parque de San Francisco, da vila ribadense, dentro do programa de actividades da Xira a Santa Cruz. Este concerto congregou a centos de persoas que gozaron con esta orixinal actuación na que se mesturou a música, co humor e coa maxia.