Este sábado, 30 de abril, a Casa da Ría, en Ribadeo, acollerá unha nova xornada participativa para salvar á abella e loitar contra a avespa velutina.

Este sábado, 30 de abril, a Casa da Ría, en Ribadeo, acollerá unha nova xornada participativa para salvar á abella e loitar contra a avespa velutina.
 
O Concello e a asociación de Abelleiros de Ribadeo, tras o éxito da primeira xornada participativa para salvar a abella fai un chamamento para a segunda que terá lugar este sábado, 30 de abril, ás catro da tarde na Casa da Ría en Santa Cruz.  
 
Segundo explican desde a Concellería de Desenvolvemento Local “á primeira xornada asistiron unhas 50 persoas, das que 19 apadriñaron unha trampa. Aproveitouse esta forza e interese colectivo para crear un grupo de traballo  para loitar contra este insecto e desde o que se comparte coñecemento, experiencias  así como un seguimento das avespas velutinas atrapadas. A día de hoxe levan un total de 40 insectos capturados aproximadamente”. 
 
En Desenvolvemento Local sinalan que “este seguimento levárase a cabo ata finais de maio e o obxectivo non é máis que atrapar o maior número de reinas de avespas posible de cara a minimizar o impacto deste pequeno insecto  no noso territorio”. 
 
E engaden que “nesta segunda Xornada Participativa, organizada polo Concello e Os Abelleiros, realizárase un reconto das avespas velutinas atrapadas á vez que tamén se expoñerá e charlará colectivamente sobre a loita contra este insecto (diferenzas con outras avespas, ciclos de vida, e diferentes modo de eliminación dos seus niños). Nesta xornada tamén se construirán e apadriñarán máis trampas”. 
 
A xornada terá lugar o este sábado, 30 de abril, ás 16 horas na Casa da Ría en Santa Cruz.