O Eido Dourado abre as súas portas este mércores, 1 de xullo, na que será a sétima tempada deste espazo dedicado ao arte. A carón da praia de A Pasada poderá visitarse ata que remate o verán de martes a domingo en horario de 11:30 a 13:30 polas mañás e de 18 a 21 horas polas tardes, segundo deu a coñecer o seu creador Celso Dourado.
O artista barreirense fixo unha valoración moi positiva da acollida que tivo entre o público o VII Encontro no Eido Dourado, que tivo lugar o pasado sábado nos xardíns deste espazo e que serviu coma punto de partida desta nova tempada. Alí déronse cita a música, a poesía e o teatro, unha combinación que agradou moito aos asistentes.
Os xardíns do Eido Dourado acollerán un verán máis diversas actuacións musicais. A programación, que se ofrecerá ao longo dos dous vindeiros meses, estase a ultimar.