A oferta cultural da Mariña luguesa é moi importante, a pesares dos tempos nos que nos atopamos. Hai centos de colectivos e asociacións que organizan infinidade de actos ao longo de todo o ano, así coma os Concellos, outras administracións e tamén a iniciativa privada.
Dos últimos tempos destacaría o concerto do violinista Ara Malikian en Burela hai ano e medio, que encheu a Casa da Cultura. Alí nos atopamos con xente que viaxou desde Lugo e desde outras localidades da Mariña para ver a este espectacular músico, que tamén pasou pola cidade bimilenaria e por Vegadeo. Esta fin de semana, mediados de marzo, estivo en Vigo e causou expectación.
Moi destacable foi hai pouco tempo o concerto que deu en Ribadeo Amancio Prada, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. O auditorio Hernán Naval encheuse para gozar coa música e coas historias que este berciano nos contou sobre as súas vivencias cos irmáns Sánchez Ferlosio, con Agustín García Calvo, con Joaquín Sabina ou con Javier Krahe, entre outros. Preto de dúas horas de voz en directo nun concerto que resultou impecable e exquisito.
O auditorio ribadense tamén viviu outro cheo de público hai tan só uns meses co espectáculo de Carlos Blanco e Luis Davila “Menú do día”. Debuxos, imaxinación e unha dose de bo humor deleitaron aos que acudimos a esta cita.
Estes son só tres exemplos da intensa actividade cultural que rexistran as vilas da Mariña. Malikian actuou no verán aquí e as outras actividades ás que aludimos neste artigo tiveron lugar este outono-inverno.
Hai unha reflexión que queremos facer: os espectáculos con maiúsculas trunfan sempre, no verán e no inverno. Igual sería bo programar mais actividades fortes durante o inverno e alixeirar un pouco a intensa axenda de programacións culturais do verán. Falase moito de desestacionalizar o turismo nesta comarca, igual contribuiriamos a facelo deste xeito, traendo concertos, obras de teatro, monólogos… de outubro a marzo. No verán hai moitas festas campestres, festas temáticas, festas gastronómicas, festas de todo tipo e xa non hai tempo para poder asistir a tanto.