O vindeiro domingo, 19 de xullo, arrinca a programación cultural do Eido Dourado, en Barreiros. Será unha representación teatral a cargo do mariñán Manuel Lourenzo, segundo deu a coñecer no día de hoxe o artista Celso Dourado.
Dourado explicou que “esta tempada vai arrincar o domingo, 19 de xullo, a partir das 22 horas nos xardíns do Eido Dourado, cunha representación teatral a cargo de Manuel Lourenzo, que é unha personalidade sumamente coñecida dentro da escena teatral. A obra que vai representar está promovida polo club de teatro Elsinor e leva por título A técnica do taratantanleo. Podemos dicir que é unha transición no mundo de Otero Pedrayo o cal é un referente, está interpretada e dirixida por Manuel Lourenzo e conta coa colaboración de Xosé Martínez, autor da gravación audiovisual, e producido por Montserrat Modia”.
Sobre Manuel Lourenzo subliñou que “é un home dunha longa traxectoria teatral, creador de diferentes agrupacións de teatro como O Facho, Teatro Circo, estudoso, escritor de distintas publicacións dedicadas ao mundo do teatro. No 1979 publica a monografía O teatro galego, un libro referente e pioneiro dentro da escena teatral, no ano 1980 crea a compañía teatral Luís Seoane, dunha fonda traxectoria, en 1990 crea o club de teatro Elsinor, alá polo ano 1997 recibe o Premio Nacional de Literatura Dramática por Verdades indecentes. Estamos a falar do que posiblemente sexa o maior autor teatral de Galicia. A partir de aí, no 1998, crea xunto a Santiago Fernández a Escola Teatral Casa Hamlet, unha escola libre de Teatro, radicada na Coruña e formadora de cantidade de autores”. Celso Dourado considera que “é un luxo para A Mariña contar cun veciño como Manuel Lourenzo, que é nado en Ferreira do Valadouro e sempre pasa aquí os veráns”.
A entrada a esta representación teatral é libre e gratuíta, “unha aposta máis polo mundo da cultura, o teatro, que creo que dentro do que é a programación habitual do Eido Dourado non estaba suficientemente representado, e imos esbozar este pequeno proxecto o vindeiro domingo. Convido aos que están por estas terras a que acudan a arroupar a este grande da escena galega”.