Cultura no Camiño levará 15 espectáculos aos concellos mariñáns da Ruta do Norte. Participan: Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada.

Cultura no Camiño levará 15 espectáculos aos concellos mariñáns da Ruta do Norte. Participan: Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada.
 
A cuarta edición do programa Cultura no Camino levará 15 espectáculos nos vindeiros meses aos concellos mariñáns da ruta do Norte. Este ambicioso programa está promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia e figura xa como un evento consolidado que dende o seu comezo, no ano 2013, practicamente triplicou o seu orzamento, as compañías participantes e as actuacións contratadas.
 
A delegada territorial, Raquel Arias, presentou hoxe este proxecto, que xirará por 24 concellos da provincia ofrecendo en total 92 espectáculos de maxia, teatro, circo e música para todos os públicos. Os concellos mariñáns participantes son Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada.
 
Arias subliño que o obxectivo deste programa cultural é incentivar a distribución de produtos culturais galegos nos diferentes concellos vinculados ao Camiño de Santiago e facer chegar a cultura á cidadanía mediante eventos e actividades culturais.
 
Deste xeito, incidiu, promociónase a cultura galega e deslocalízase a oferta cultural, para procurar un desenvolvemento equilibrado no conxunto de Galicia. “O resultado é que se enriquece con representacións artísticas de calidade o patrimonio cultural e paisaxístico, de relevancia mundial, que supón o Camiño de Santiago”, afirmou.
 
A delegada explicou que o programa Cultura no Camiño conta cun investimento de preto de 545.000 euros, compartido pola Xunta de Galicia e os concellos inscritos, que asumen unha parte dos cachés artísticos. Neste sentido, destacou que esta iniciativa é un bo exemplo de   colaboración institucional e de traballo colectivo, que suma ás administracións autonómica e locais e tamén a creadores, compañías, xestores e programadores.
 
O ciclo percorrerá todas as rutas xacobeas que discorren pola provincia. Así, polo Camiño do Norte participan Barreiros, Begonte, Friol, Guitiriz, Lourenzá, Ribadeo, Trabada e Vilalba. No Camiño Francés, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Portomarín e Sarria. Polo Camiño Primitivo, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Guntín e Lugo. E polo Camiño de Inverno, A Pobra de Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
 
Raquel Arias puxo de relevo o carácter participativo deste programa cultural que se organiza mediante unha convocatoria pública, invitando a todos os artistas e axentes culturais galegos para configurar un abano de eventos diverso e atractivo para público de todas as idades.
 
Así, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega. Na Mariña actuarán, entre outros, Cayetano Lledó, a Banda Migallas, Xoan Curiel, Peter Punk, Caxoto Contacontos ou Troula Animación.  
 
O calendario de actuacións estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (agadic.gal/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (cultura.gal/gl/axenda).