O martes, 11 de agosto, ás 20:30 horas o grupo coral Aba Taano ofrecerá un concerto benéfico no Cine Teatro co obxecto de recoller fondos para a ONG Música para salvar vidas. A devandita ONG desenvolve o seu labor en Uganda, ás aforas da súa capital, Kampala, para dar unha boa educación a nenos e nenas orfos.
“O grupo musical Aba Taano combina o uso das linguas autóctonas do centro de África coa interpretación do gospel tradicional dos EE.UU. Aba Taano, os cinco na lingua de Uganda, cantan en swahili, luganda, zulu, lutor, acholi e rynancore, entre outras linguas. Teñen realizado máis de 300 concertos polo mundo adiante, por Holanda, Alemaña, Hungría ou Chequia, de entre os cales destacaremos os feitos no Palau de la Música de Barcelona, no Teatro Arriaga de Bilbao e no Teatro Real de Madrid”, explicou o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil agradeceu o compromiso do grupo “que axuda a que moitos nenos e nenas poden ter esperanza e loitar e traballar por unha vida mellor. Os compoñentes deste grupo musical, malia o éxito acadado na súa vida profesional, non esquecen que no seu día tamén outras persoas foron solidarias con eles e puideron sacar adiante o seu proxecto de vida e realizarse como persoas”.