O Concello de Cervo e a Escola de Buceo Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo acaban de firmar un convenio de colaboración entre ambas entidades cuxos fins son non lucrativos e teñen por finalidade sociodeportiva e cultural dar a coñecer as técnicas de mergullo con escafandra autónoma, salvamento e socorrismo. A principal actividade é a promoción do deporte, a actividade física e o coñecemento do fondo mariño. Así o explicou o concelleiro de Deportes cervense, José Ramón Soto Martínez, que se reuniu co presidente do club, Julio Vázquez Pérez, na piscina olímpica de San Ciprián.
José Ramón Soto manifestou que “como non pode ser doutro xeito, o Concello de Cervo segue apostando polas actividades sociodeportivas e firmou este convenio coa Escola de Buceo Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo, que se formou a principios do ano 2014 e xa conta con 200 socios que practican estas actividades. A maioría do seus membros proceden de todo o territorio español e sobre todo aproveitan as súas épocas estivais e de vacacións para gozar das nosas costas practicando o submarinismo”.
O edil de Deportes engadiu que “a idea de ambas entidades, tanto Concello de Cervo como da Escola de Buceo, é xerar actividade deportiva acuática no noso litoral e programar algúns cursos de formación para o desenvolvemento do submarinismo. E tanto o Concello de Cervo como o Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo teñen o obxectivo de dar máis protagonismo, se cabe, a todas aquelas actividades deportivas que poidan axudar aos nosos veciños a ter variedade de actividades que xeren saúde e benestar. A actividade básica para todas aquelas persoas que desexen iniciarse nesta práctica deportiva é a denominada bautismo de buceo, que consiste nun primeiro contacto co fondo da auga, que se desenvolverá na piscina olímpica de San Ciprián”.