Comeza a segunda fase do programa "Ribadeo medra contigo". Consta de tres módulos, dos que dous arrincan en xuño.

Comeza a segunda fase do programa "Ribadeo medra contigo". Consta de tres módulos, dos que dous arrincan en xuño.
 
En Ribadeo da comezo a segunda parte do programa Ribadeo medra contigo,  que estará destinada a dinamizar e impulsar as pequenas empresas e a mellorar a xestión do seu negocio. Esta segunda fase está composta de tres módulos: xestión administrativa, márketing e marca persoal. O módulo de xestión administrativa será os días 9, 10 e 11 de xuño. A inscrición xa está aberta no Concello. 
A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez dixo que “queremos iniciar a segunda parte deste Ribadeo medra contigo, na que queremos axudar a dinamizar e a impulsar as pequenas empresas e os comercios que estean establecidos dentro do noso territorio. Tamén a esas persoas que están decididas, nestes momentos tan complexos, a emprender. Para iso queremos axudar e poñer en marcha este programa que lles permita aos que xa están traballando nos comercios e nas pequenas empresas mellorar a xestión do seu negocio e axudar tamén a estes novos emprendedores a coñecer como pode ser ese novo negocio, as necesidades que poden ter dentro do que é a xestión administrativa, de márketing, da marca persoal nese novo negocio que poidan estar decididos a emprender”.
A edil nacionalista explicou que “a segunda fase deste Ribadeo medra contigo, que é o programa de impulso ás empresas, contará con 75 horas, que van estar divididas tanto de forma presencial, con asesoramento ás persoas que queiran participar neste curso, atendendo tamén as necesidades individuais de cada un deles. Dividirase en tres módulos: está por un lado o de xestión administrativa dun negocio, os problemas cos que moitas veces nos atopamos á hora de arrancar o noso negocio ou a problemática que día a día temos que ir combinando co propio traballo que poida haber nun comercio ou nunha pequena empresa, e que ás veces se nos desborda. Esta é a idea para este módulo de xestión administrativa, que é para aprender a xestionar a empresa no día a día. Constará de 12 horas presenciais máis asesoramento individualizado e terá lugar os días 9, 10 e 11 de xuño cun horario adaptado tamén a esas persoas que están traballando. Entendemos que o horario máis axeitado, porque así nolo comunicaron, vai ser de 14 a 16 horas e de 20 a 22 horas”.
Martínez contou que “a segunda parte deste plan será o módulo de márketing, no que se tocará márketing, socialmedia e web para o negocio. Terase en conta a posibilidade de crear campañas de divulgación do noso negocio, do noso comercio, as formas de facelo, as ferramentas, … Temos que ter en conta que coas novas tecnoloxías moitas veces un veciño que vive enriba do noso comercio está mercando por internet porque non coñece que debaixo ten o mesmo produto e quizá ao mesmo prezo. Para igualarnos tamén nese mundo dixital queremos traballar coas nosas empresas. E para iso dedicaremos 15 horas de asesoramento presencial e logo tamén individualizado. Terá lugar os días 22, 23, 24 e 29 de xuño tamén no horario de 14 a 16 e de 20 a 22”.
E engadiu: “e logo xa cara a despois do verán, para non meternos na campaña máis dura de traballo no noso concello, teremos o módulo de branding da túa empresa; o que é a marca persoal do emprendedor. Constará de 8 horas e de asesoramento individualizado. Será os días 7 e 8 de outubro”.
A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo subliñou que “a xente que estea interesada en incorporarse a este programa que eu entendo que é bastante interesante, tanto a nivel de negocio como de pequena empresa ou de emprendedor, que se poña en contacto coa Área de Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo, a través do correo electrónico adl@ribadeo.org ou ben chamando ao teléfono do concello 982.128.650”.