Cincocentos nenos e nenas participarán os días 8 e 9 de outubro en Burela no torneo de fútbol base Marosa Cup.

Cincocentos nenos e nenas participarán os días 8 e 9 de outubro en Burela no torneo de fútbol base Marosa Cup.
 
O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do torneo de fútbol de base Marosa Cup. No acto estiveron acompañando ao presidente do ADF Porto de Burela (club organizador), José Manuel Ares, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes Ramiro Fernández.
 
O presidente da ADF Porto de Burela, José Manuel Ares, explicou que o torneo se disputará o sábado 8 e o domingo 9 nas instalacións da Marosa e que participarán equipos de toda a provincia de Lugo, incluídos os da Mariña, máis outros procedentes de Asturias. As categorías que van disputar o torneo Marosa Cup van dende a de iniciación ata alevíns, pasando por prebenxamín e benxamín. O torneo comezará o sábado ás dez da mañá e prolongarase ata o domingo ás oito da tarde, momento no que se fará a entrega de trofeos.
 
O alcalde burelés manifestou que “o Concello de Burela, tal e como está a demostrar este equipo de goberno, aposta decididamente pola actividade deportiva, e así o ten demostrado apoiando iniciativas como esta. Entende que o deporte promove uns valores moi importantes como sociedade tales como o respecto, a vida saudable ou a integración que van facer que a sociedade vaia mellorando”.
 
Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, sinalou que “para o equipo de goberno de Burela é un auténtico orgullo poder colaborar nestas iniciativas. Felicito á directiva do ADF Porto de Burela pola organización do torneo”. E engadiu que “este fin de semana participarán no torneo en torno a 500 nenos e nenas que ademais desprazarán a moitas familias a Burela, co que entendemos que o beneficio deste torneo vaise notar en todo o pobo. Para o equipo de goberno de Burela, e máis concretamente dende a Concellería de Deportes é básico o deporte de base, o deporte dos nenos, e evidentemente apoiará as iniciativas que xurdan dende os diferentes clubs deportivos referidos a deporte base, porque como xa se dixo é unha prioridade para este equipo de goberno”.