Caxade, o proxecto persoal do músico Alonso Caxade, ten unha cita co público de Ribadeo este domingo, 18 de outubro, no Teatro. A entrada é libre. O recital enmárcase no ciclo Músicas Posíbeis.
Caxade é un proxecto de indie-folk cun arrecendo a música minimalista e sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, aderezada con surrealismo post-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. O seu primeiro disco, “A Dança das Moscas”, vendeu 1500 copias. Unha xira de presentación de mais de 90 concertos e o bo acollemento do público e da crítica fan que Caxade sexa xa un referente da nova música galega. A súa música mereceu o Premio Opinión Ao Mellor Artista e foi gañadora do Certame Música Xove. Ademais, foi nominado aos Premios Galegos da Música, Premios de la Música Independiente e ao Mestre Mateo, neste caso polo vídeoclip Gente Pota.