O artista barreirense Celso Dourado participará na Semana das Artes Plásticas na Mariña. A exposición será inaugurada no Cenima de Foz este venres, día 8, xunto a outros seis creadores mariñáns. Esta mostra colectiva poderase visitar ata o 29 deste mes.
Celso Dourado explicou que “a exposición denominada Seis diálogos para educar reflexa un pouquiño o traballo de seis artistas entre os cales estou. Podo citar que forman parte do elenco tamén David Catá, Héctor Manasé, Alberto Pena, Mauro Leivas e Raimundo Rubal”.
Dourado contou que “eu presento catro series da miña obra. Son botánica, relacionada cun tratamento subreal do que é a botánica en si; retratos, unha interpretación persoal do que é o tema do retrato; mímica, é un xogo coas mans que é un motivo moi referencial da miña obra; e Anatomías que reflexan distintas partes do corpo cun tratamento moi persoal. Isto forma parte dun proxecto que é a miña utilización da cor sobre a obra que estou a facer”.
O artista barreirense dixo que “botaron man de min como parte representativa da Mariña e para min é importante porque me permite nunha sala tremendamente ampla, moi diáfana, expoñer unha obra que hai que vela no seu conxunto. Foi unha experimentación ao longo de varios anos, practicamente desde o 2010, o que é o tratamento da cor, lograr a transparencia na cor. Vaise ver unha mostra onde esa aplicación da cor é un fito para min, na miña obra, verdadeiramente orixinal. É unha labor de traballo persoal que se vai reflectir nesta obra que se vai poder ver no Cenima nesta tempada”.
Celso Dourado convida a visitar esta mostra que “é unha maneira de meterse na obra dos creadores que temos moi preto de nós. Vai ser moi participada sobre todos polos colexios e vai haber actividades paralelas no entorno de Cenima e en Foz”.
O artista sinalou que “no fondo se está a traballar dalgunha maneira en converter o Cenima nunha especie de centro de arte na Mariña, por iso e bo non perder de ollo estes proxectos porque eu penso que tarde ou cedo frutificarán na creación dun gran centro vinculado á arte na nosa Mariña”.