Caramuxo Teatro representa este sábado, 2 de abril, en Burela "Feo", unha comedia para toda a familia.

Caramuxo Teatro representa este sábado, 2 de abril, en Burela "Feo", unha comedia para toda a familia.
 
A Delegación Municipal de Cultura presenta á compañía Caramuxo Teatro coa obra Feo!, inspirada en O Parrulo Feo, de Hans Christian Andersen. A representación conta co patrocinio da Concellería de Cultura da Xunta de Galicia e da Rede de Teatro e Auditorios e da propia AGADIC. O acto terá lugar ás 17:30 horas deste sábado, 2 de abril, na Casa da Cultura de Burela, e a entrada será de 2,5 euros. O espectáculo é para todos os públicos. 
 
Caramuxo Teatro é unha compañía de teatro infantil e familiar nada na Coruña no 2003 formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. No 2005 estrearon Glub, Glub, o que foi no seu momento o primeiro espectáculo de teatro para bebés producido en Galicia. Actualmente, ademais de traballar nunha liña especifica para bebés co espectáculo Zapatos, ten en carteleira espectáculos para público infantil e familiar. 
 
Dende os inicios mesturan diferentes técnicas , teatro de actor, títeres, danza... producindo espectáculos como Mensaxe sen botella, Historia dunha semente, Lazarillo, Animaliños, Os Bolechas, entre outros.
 
A liña de traballo céntrase nuns textos elaborados a partir da súa experiencia no eido educativo, unha estética coidada e unha escolla musical axeitada de modo que o resultado é un traballo poético emotivo e visual para disfrutar en familia.
 
Caramuxo presenta Feo!: a pequena fábrica de parrulos de goma produce todos os días centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, máis un día sae un parrulo diferente... Feo!  é un canto á diversidade e á esencia dun mesmo, unha comedia para toda a familia.