Ata o 25 de novembro está aberto o prazo para participar no concurso de receitas da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Ata o 25 de novembro está aberto o prazo para participar no concurso de receitas da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
 
Ata o 25 de novembro está aberto o prazo para participar no concurso de receitas de cociña da Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Está dirixido a non profesionais e pretende recompilar receitas de cociñas tradicionais especialmente vinculadas a festas populares.
 
Entre os principais obxectivos do Programa MAB (Home e Biosfera) no que se inclúe este concurso, están fomentar o desenvolvemento socioeconómico dos territorios, incrementar o consumo de produtos de proximidade e manter a cultura e as tradicións populares.
O proxecto consiste en recompilar receitas de cociñas tradicionais da Rede Española de Reservas da Biosfera da que forma parte a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e na que se integra Ribadeo.
 
Ábrese un prazo de presentación de receitas tradicionais da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón da que forman parte ademais de Ribadeo os concellos de Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Trabada en Lugo, e Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos, en Asturias.
 
O concurso constará de dúas fases, unha primeira na que cada Concello seleccionará as receitas do seu territorio e unha segunda que será seleccionada por unha comisión técnica da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
 
O Concello de Ribadeo describe os criterios que rexerán esta primeira fase e sinala que o concurso está dirixido a non profesionais podendo participar persoas físicas, non profesionais e residentes en Ribadeo, que poderán presentar cantas receitas desexen nas categorías de Tapa, Primeiro Prato, Segundo Prato e Sobremesa.
 
As receitas presentadas deberán formar parte da tradición gastronómica de Ribadeo, valorarase que estean baseadas en produtos orixinarios de Ribadeo e que nas técnicas de cociñado ou preparación utilicen medios ou utensilios tradicionais ou case desaparecidos valorándose ademais a súa adaptación aos medios actuais. 
 
A receita debe estar suficientemente detallada para que poida ser reproducida sen dificultade e deberá incluír o nome do prato ou tapa, así como a descrición das características do prato e a súa vinculación con costumes populares. Tamén cada receita ten que detallar a elaboración do prato coas particularidades dos ingredientes e a descrición dos procesos de preparación previa dos produtos e do cociñado.
 
As receitas deberán entregarse en sobre pechado indicando o nome, apelidos e DNI do participante, e a dirección de contacto, teléfono e correo electrónico. A presentación da documentación realizarase no Rexistro Xeral do Concello de Ribadeo dirixido á Área de Desenvolvemento Local do Concello, na sede electrónica do Concello ou por correo electrónico adl@ribadeo.gal. O prazo de admisión remata o 25 de novembro.
 
Entre as receitas recibidas no Concello de Ribadeo, unha comisión técnica realizará unha primeira selección que escollerá un prato por cada categoría e posteriormente serán presentadas á final conxunta onde participan receitas de todos os concellos integrantes da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
 
Nunha segunda fase entre as receitas seleccionadas polo Concello de Ribadeo xunto co resto de Concellos integrantes da Reserva, escolleranse as dúas mellores receitas por cada prato. A selección de receitas gañadoras farase nun acto público na segunda semana de decembro no que se é posible, elaboraranse os pratos finalistas que se integrarán nun libro de receitas da Reserva da Biosfera.