O venres, 15 de xaneiro, pola tarde foi inaugurada na sala de exposicións da Omic a mostra Or@perucita da artista plástica ourensana Mónica Filgueira Formoso, máis coñecida como Môflasinvergüenza.
O edil de Cultura, Farruco Graña, sinalou que “con esta exposición poderemos aventurarnos no reino dos sentidos para, a través do conto da carapuchiña vermella, explorar un feixe de sensacións levados da man das cores intensas que prenden na paixón creativa de Mónica Filgueira”.
“Durante un mes as dependencias da OMIC estarán a disposición, no seu horario habitual, de todas as persoas amantes da pintura ousada que buscan experimentar co mundo das cores novas recreacións de vellos relatos”, engadiu o concelleiro nacionalista.
Pola súa banda, Mónica Filgueira dixo que “é un non conto da carapuchiña vermella. Trátase dunha exposición transgresora que merece a pena ver. É unha maneira de dicir o que está no meu corazón sen máis, sen vergoña. Penso que Ora ten moito que dicir. É coma un ensino de cómo se utilizan os cinco sentidos. Agardo que lles guste e que gocen da obra”.