O vindeiro 21 de maio terá lugar a 2ª Ruta Cabalar Monte Castelo, que organiza o Concello coa colaboración da asociación Cabaliño de Pao. A novidade desta edición, segundo explicou o edil de Turismo, Ramiro Rey Fernández, é que os cabalos pasarán polo centro da vila.
A ruta dará comezo ás 10 da mañá do pavillón dos Institutos e á metade do percorrido haberá unha parada no miradoiro do Monte Castelo con pinchos e amenizada por Arume, de Burela. O xantar está previsto para as 14:30 horas cun prezo de 20 euros “para todos os que se animen, acompañantes, amigos…”. Desde a organización sinalan que “é necesario confirmar a asistencia antes do 17 de maio”. Haberá trofeos para os xinetes e amazonas máis nov@s, de máis idade, de máis lonxe, para a asociación máis numerosa e para a chegada de máis lonxe.
A sobremesa estará amenizada por Dj Chente, con múltiples sorteos e colchonetas gratis para @s nen@s. Outra das novidades da Ruta Cabalar Monte Castelo será o 1º Campionato de Toro Mecánico. Tamén haberá premios para @s primeir@s clasificad@s (home e muller) de toro mecánico.
Ramiro Fernández Rey dixo esta tarde no acto de presentación que “o 21 de maio celebrarase en Burela a 2ª Ruta Cabalar, que organizamos desde o Concello coa colaboración da asociación Cabaliño de Pao. Como novidade desta edición contar que a ruta cabalar discorrerá polo centro de Burela, xa que entendemos que é unha actividade bonita de ver e lucida para que todos os veciños e veciñas poidan disfrutar do espectáculo que supón presenciar o paso dos cabalos polo medio do pobo”.
O edil socialista engadiu que “haberá un torneo mecánico e diferentes premios para os participantes. Cóntase con máis de 100 cabalos, algo que fará que a espectacularidade da marcha sexa moi grande. E desde o Concello tócanos apoiar todas estas iniciativas, que pensamos que son boas para o pobo”.
A presentación desenvolveuse na área recreativa do Monte Castelo. Ao acto asistiron varios membros de Cabaliño de Pao, así como o alcalde, Alfredo Llano, e os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Noelia Mª Ben e Ramiro Fernández.