A sección de vento metal da Banda Municipal de Música de Ribadeo xunto co quinteto Ribadeo Brass e a recentemente creada formación musical ribadense Cebolas Verdes Big Band ofrecerán un concerto mañá, martes, ás 22:30 horas nas inmediacións do parque de San Francisco, aínda que en caso de mal tempo trasladarase ao Cine Teatro. Esta actuación, incluída no ciclo Agosto Musical 2015 que organiza a asociación Amadores da Música, chega despois da participación da Banda de Ribadeo no concerto celebrado onte, domingo, no auditorio municipal Hernán Naval dentro do X Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo.
O concerto de vento metal programado para mañá, martes, día 25, estará dirixido por Rubén Solloso Irimia, quen hoxe explicou que este tipo de actuacións “comezamos a facelas o ano pasado a raíz do cambio de directiva de Amadores da Musica. Vai polas distintas seccións da Banda: fíxose un concerto da de percusión, outro de vento madeira e este é o último concerto seccional, de vento metal. Consta de varias partes, a primeira será o grupo de metais graves: trombóns, bombardinos e tuba da banda, que interpretarán 3 pezas. A continuación tocará o quinteto de metais Ribadeo Brass, cun par de pezas. Despois xuntaremos a todos os metais da banda e interpretaremos outras 3 pezas. E, por último, finalizaremos con máis xente a maiores dos músicos de vento metal da banda e tocaremos un par de peciñas de big band, cos músicos que forman parte dunha big band nova que formamos en Ribadeo, que se chama Cebolas Verdes Big Band, e algún musico a maiores”.
A Banda participou onte no FIMCR
A Banda Municipal de Música de Ribadeo participou no concerto celebrado onte, domingo, no auditorio Hernán Naval dentro da décima edición do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo (FIMCR).
A Banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez, abriu a actuación interpretando en solitario Adios Nonino, de Astor Piazzola. Despois participou en varias pezas xunto coa xunto coa Coral Polifónica de Ribadeo e tamén co pianista Leopoldo Erice, a violinista Frederieke Saeijs, o violonchelista Tsuyoshi Tsutsumi e o clarinetista James Campbell.
O presidente da asociación Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, amosouse satisfeito do resultado da actuación da Banda neste concerto e agradeceu á organización, concretamente a Leopoldo Erice, que contase coa súa participación para este evento.