A sala de exposicións municipal de Lourenzá acolle ata o 18 de marzo unha mostra sobre o Camiño Norte de Santiago.

A sala de exposicións municipal de Lourenzá acolle ata o 18 de marzo unha mostra sobre o Camiño Norte de Santiago.
 
A sala de exposicións do Concello de Lourenzá acolle dende hoxe, mércores, ata o 18 deste mes, unha mostra de imaxes do Camiño Norte de Santiago.
 
A exposición consta de 18 paneis nos que amosan as principais manifestacións artísticas, históricas e naturais desta ruta xacobea na que Lourenzá ocupa un lugar importante. A información que recollen os paneis ofrece ao visitante unha visión de todo o patrimonio artístico e histórico existente nos distintos lugares polos que discorre o Camiño.
 
A alcaldesa, Rocío López, di que “dende o Concello invitamos a todos os veciños e veciñas así como aos visitantes a ver esta exposición que é, sen dúbida, unha primeira toma de contacto para contemplar de preto as distintas marabillas que encadra o Camiño Norte ao longo de todo o seu percorrido”. A rexedora laurentina engade que “esperamos que esta mostra teña unha gran acollida e anime á xente a participar neste tipo de actividades que promoven e poñen en valor a riqueza que hai nos distintos municipios”.
 
A exposición O Camiño Norte de Santiago en Imaxes está cedida de xeito temporal polo Instituto de Estudos Chairegos e permanecerá na sala de exposicións do Concello de Lourenzá ata o vindeiro día 18. O horario para poder visitar a mostra é de 17 a 20 horas de luns a venres.