A Rede Museística Provincial, dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo, ofrecerá este ano máis de medio cento de actividasdes para todos os públicos durante os meses de xuño, xullo e agosto nos catro museos que a conforman: o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza San Paio de Narla, e o Pazo de Tor.
O responsable de Cultura e Turismo da institución provincial, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de presentar esta mañá este compendio de actividades xunto coa xerente da Rede, Encarna Lago, e a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro. Mario Outeiro destacou o carácter “público e totalmente gratuíto” deste programa de actividades pensado para “axudar a conciliar as longas vacacións dos nenos e nenas coas escasas vacacións dos seus pais e nais”.
O programa iníciase este mes de xuño con concertos todos os xoves nos Xardíns do Museo e continúa nos meses de agosto con obradoiros, visitas guiadas e excursións. “É un programa moi completo pero de baixo custo, que é posible grazas á implicación de todos os traballadores dos Museos da Deputación e que abrangue toda a provincia”, destacou o responsable de Cultura da institución provincial.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro explicou que “desde a área de Cultura, e a través da Rede Museística e os catro museos que a integran, con este programa tentamos atender a crecente demanda social de actividades de tipo cultural e de lecer, xa que entendemos a xestión dos museos públicos como un servizo permanente á sociedade que os sostén, como espazos de comunicación e coñecemento, e de intercambio de saberes e experiencias e adquirimos o compromiso de servir á nosa sociedade, de usar os fondos que custodiamos para proveito de todos e todas”, precisou Outeiro.
Aberto xa o prazo de inscrición
Como cada ano, o programa de verán posto en marcha pola Rede Museística ofrece un amplísimo número de actividades, de diversa índole e duración, dirixidas a públicos de todas as idades, a partir dos catro anos, e adaptadas á contorna de cada un dos museos, para as que xa está aberto o prazo de inscrición. Obradoiros de pintura, escultura, gravado, museoterapia, fotografía, muralismo, ourivería, música ou cine, campamentos de arqueoloxía, traballos manuais e artesanais ou de aplicación de distintas tecnicas son algunhas das propostas da Rede Museística para os meses de xullo e agosto.
Neste sentido, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, destacou que estas actividades “están pensadas para coñecer mellor o medio e mundo no que vivimos co obxectivo de lograr a transformación social desde a cultura”. Explicou que están dirixidas tanto a nenos e nenas como a adolescentes e persoas maiores e mesmo para os turistas e visitantes. “Os sábados e domingos dos meses de xullo e agosto faremos visitas guiadas curtas ao Museo de Lugo, de media hora de duración, destinadas a turistas e visitantes que dispoñen de pouco tempo”, explicou.
Gyotaku, peixes de tinta e unha exposición sobre A Maruxaina e outras sereas no Museo do Mar de San Cibrao
Entre as novidades do programa deste ano atópanse varias actividades que se desenvolverán no Museo do Mar de San Cibrao, como un obradoiro de Gyotaku, unha técnica de gravado de orixe xaponesa, que terá lugar o 4 de agosto para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos.
O Museo mariñán acollerá tamén durante o mes de xullo un programa específico sobre A Maruxaina e outras sereas, cunha exposición, a presentación dun libro e diversas actividades complementarias como relatorios ou recitais durante todo o mes.
O Museo do Mar albergará tamén obradoiros infantís como Abordaxe pirata ou Os outros habitantes do mar. E outros destinados a persoas maiores, como obradorios de divulgación científica, memoria visual, museoterapia, fotografía, retrato, etc.