A programación de Nadal de Foz inclúe teatro infantil, música na rúa, unha foliada e o tradicional Mercado da Ilusión.

A programación de Nadal de Foz inclúe teatro infantil, música na rúa, unha foliada e o tradicional Mercado da Ilusión.
 
O Concello de Foz ten preparada unha completa programación de Nadal para os vindeiros días con teatro infantil, música na rúa, unha foliada de Nadal e o tradicional Mercado da Ilusión, tal e como anunciou a concelleira de Cultura, Silvia Bach.
 “O xoves, 24 de decembro, ás 12 horas, polas rúas da vila teremos a visita de Papá Noel, que sairá dende a Casa da Cultura no seu trineo, fará un paseíño por todas as rúas e chegará ata a Casa do Concello de Foz. É un evento que organiza o Concello xunto ao Feitizo. O xoves, 24 de decembro, á mesma hora na rúa Xoan Montes teremos o Concerto de Nadal na Rúa dos nenos e nenas da Escola Municipal de Música. O venres, 25 de decembro, ás 20 horas na igrexa parroquial, imos ter o tradicional concerto de Nadal da Banda Municipal de Música de Foz, dirixida por Abel Riveira, e da Escola de Música”, detalla a edil.
Silvia Blach engadiu que “o sábado, 26 de decembro, ás 18 horas na Sala Bahía teremos a Foliada de Nadal, cos grupos Troula de Ortegal, de Ortigueira; o grupo de baile da asociación Río Miño, de Portomarín; e A Subela, de Foz. Ao remate haberá unha chocolatada. O día 27 de decembro ás 20 horas no Cenima celebrarase o Concerto da Big Band de Foz. O mércores 30 ás 18:30 horas na Sala Bahía, por soamente 1,50 euros, teremos teatro infantil. A compañía Baobab vai representar a obra Martes. A partir dos dous anos estaría indicada e é unha obra de monicreques. O día 31 de decembro ás 12, na rúa Xoan Montes de novo, teremos música, o concerto de Nadal na Rúa dos nenos da Escola de Música e da Banda. E durante os días 26 ao 30 de decembro, na rúa Álvaro Cunqueiro, teremos o Mercado da Ilusión, tradicional en Foz”.