A piscina olímpica e a Casa da Cultura de San Ciprián acollerán o día 27 deste mes, sábado, as actividades dun curso de iniciación ao mergullo de competición e outro de árbitros autonómicos desta especialidade deportiva. Foron presentados na piscina de Lieiro polo concelleiro de Deportes de Cervo, José Ramón Soto Martínez; o presidente do Club de Buceo Costa de Lugo, Julio Vázquez Pérez; e outros membros da entidade.
José Ramón Soto explicou que “a Escola de Buceo Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo e o Concello de Cervo, a través da Delegación de Deportes, impartirán un curso de iniciación ao mergullo de competición e outro de árbitros autonómicos, cuxa convocatoria está aberta a nivel nacional. Recentemente firmouse un convenio de colaboración entre o Concello de Cervo e a Escola de Buceo Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo, cuxos froitos comezan a súa andaina con estas actividades. Os cursos desenvolveranse na piscina olímpica e na aula habilitada na Casa da Cultura de San Ciprián. Serán o sábado 27 de febreiro de 2016 e os interesados poden apuntarse ata o 20 de febreiro a través do correo electrónico cascostalugo@gmail.com. A inscrición é gratuíta”.
O concelleiro de Deportes especificou que “no caso do curso de buceo de competición os participantes deben ser maiores de idade e está destinado a mergulladores que dispoñan da licenza B1E ou superior e licenza federativa en vigor. A finalidade do curso é que los participantes coñezan o regulamento xeral e internacional de buceo de competición, que se lles facilitarán en formato PDF. En canto ao curso de árbitro rexional de Competición tamén se deberá ter a maioría de idade e realizaranse prácticas individuais descritivas e de regulamentación con proxección de vídeos así como o coñecemento e a aplicación dos regulamentos correspondentes. Os cursos constarán de dúas partes moi relacionadas: durante a mañá explicaranse os conceptos teóricos e pola tarde realizaranse prácticas na piscina olímpica de San Ciprián”.
E Soto rematou comentando que “os cursos serán impartidos por: Jaime Jaraquemada, árbitro nacional de buceo de competición; Pedro José Casillas, presidente de FEXAS e árbitro de buceo de competición; Pablo Mirat, seleccionador estremeño de buceo de competición, ex seleccionador nacional de buceo e campión de España en 2010; María Teresa Rojo, dúas veces internacional coa selección española absoluta de buceo de competición, subcampioa do mundo en varias probas en 2011; e Teodoro Reveriego, director de competicións de FEXAS e director do XI campionato de España de buceo de competición en 2015”.