A Delegación Municipal de Cultura de Burela programa para este venres, día 4, a obra Pan! Pan! da compañía A Panadaría.
A representación terá lugar no auditorio da Casa da Cultura ás 21:30 horas e está organizada pola Concellería de Cultura, AGADIC e a Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. O prezo da entrada é de 3 euros en anticipada e 5 euros en billeteira.
A Panadaría é unha compañía de teatro formada por Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailèn Kendelman. Este é o seu primeiro espectáculo e xa recibiu diferentes recoñecementos que a converten nunha das revelacións teatrais da tempada. Gañou o Primeiro Premio Xuventude Crea 2013, no 2015 Ailèn Kendelman foi nomeada aos Premios María Casares por Mellor Música Orixinal e Areta Bolado recibiu o Premio María Casares como Mellor Actriz Secundaria polo seu traballo en Pan! Pan!.
A obra conta a historia de Harry, un cowboy americano que viaxa de Misissipi a Arkansas perseguindo a un indio que roubou á súa muller da que está profundamente namorado. A través da aventura deste antihéroe redescubrimos ese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as cantinas e os desertos cheos de perigos. Como nunha película do far west haberá whisky, balas, country, e amor e vinganza a partes iguais. Unha homenaxe de tres actrices con moito humor e retranca, a esas películas cheas de homes salvaxes coas que nós, os nosos pais e avós medraron.